Saltar ao contido

Benvida a Compostela Literaria

    Guía literaria de Compostela

    Neste 2022 (re)nace Compostela Literaria, iniciativa da área de Acción Cultural do Concello de Santiago. O proxecto ten por misión ofrecer unha visión panorámica da relación entre a nosa cidade e a literatura. Artellada ao estilo dunha guía, a web compostelaliteraria.gal comprende tanto un mapa literario como unha mostra de obras, autoras e autores de marcada compostelanía, sexa esta nativa ou adoptiva, sexa por relevancia ou por intensidade. Complétase esta proposta cunha serie de recursos lúdicos e con diversos artigos escritos por persoas relacionadas co mundo da literatura. Inclúese ademais a sección participativa Microficcións, á cal calquera pode enviar as súas propias creacións.

    Como fogar, inspiración, protagonista, escenario ou simple escusa, a paisaxe compostelá vincúlase intensamente á creación literaria, e faino desde múltiples perspectivas, ofrecéndonos ademais un variado e enriquecedor abano de visións e interpretacións do mundo e da vida.

    Tanto é así, que é imposíbel recluír nun único mapa todas as obras vinculadas á nosa cidade. Deberíamos comezar talvez co bispo Pedro de Mezonzo, de quen se di que escribiu o famoso “Salve Regina”, e non teríamos descanso, sendo que ese vínculo Compostela – literatura é un proceso constante, aberto e moi frutífero. Baste citar algúns nomes, como Rosalía de Castro, Arturo Cuadrado, Concha Castroviejo e Xoana Torres, ou outros máis actuais, como Suso de Toro, Berta Dávila, Daniel Asorey, Marga Tojo e Patricia Janeiro. E non sería inxusto esquecer contribucións como as de Lorca, Pardo Bazán ou Valle Inclán? A nómina é ben extensa

    Obxectivo

    Así, o obxectivo principal da Compostela Literaria debe ser fornecer pistas e suxestións para coñecer esa prolífica relación da nosa cidade coa letra impresa. O mapa recolle, por exemplo, só algunhas persoas e obras destacadas extraídas dun longo inventario, nun proceso aberto e en constante mutación.

    Animámosvos a (re)ler connosco Compostela, e que viva a liberdade de lectura!

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *