Autoría: Marga Tojo
Ano: 2022, Edicións Positivas
Cita:
“PARTO
Multiplicarás os peixes
e as bocas.
Nacerán sereas salvaxes
entre as túas páxinas, salferidas de viño e sangue.
Chorrearás a vida,
os retallos de historias que amoreas dentro.
Fuxiches tantas veces.
Es tantas veces os restos daqueles que habitaches
e te habitaron.
Limparás tantas veces o leite
derramado,
a lista interminábel
de tarefas,
a estrita burocracia
da familia,
a vixilia.
Aprenderás a delicadeza coa que os dinosauros
amortiguan a caída
do sol
ao oitavo intento.
Lento.
Amarse lento.
Fillas,
lento.
Custodiarás a gorida,
contarás contos mentres arde
a realidade aos teus pés.
Habituaraste á eficacia coa que o tempo cura
mais arrasa algún tesouro.
Procurarás a intemperie
tantas veces,
reconstruiraste
tantas veces.
Volve a corpo aberto
e gabea o gume do horizonte
coa fame das orixes.
Ningunha utopía de autorregulación do capital
controla as posibilidades de quererse
así.”
Máis información: Edicións Positivas
