Autoría: Ramón Caride
Ano: 2025, Xerais
Cita:
“O ruxerruxe dos aparellos, o rolar das padiolas, o ecoar afastado das conversas en Admisión. Estes veñen sendo os elementos sonoros do pano de fondo. No interior da sala non fala ninguén. Coma se as palabras sobrasen. E se cadra sobran. Agora hai cinco persoas no cuarto de espera. A que está máis cerca da entrada, acabada de chegar arestora, é un velliño con aparencia de ter oitenta e moitos anos. Está nunha cadeira de rodas. Ten a cabeza dobrada sobre o peito, a roupa desamañada e o queixo mal afeitado. Acompáñao unha muller que podería ser a súa filla, tamén ela moi gastada pola vida; está tan nerviosa que semella non ser quen sequera de dar sentado. Non para de mirar o seu móbil, comesta da ansiedade. Coma se estivese a agardar unha chamada moi urxente.”
Máis información: Edicións Xerais
