Santiago de Compostela, 1966
Escritor, poeta, dramaturgo e director escénico, fixo parte da xeración de activistas culturais galegos que emerxera nos anos noventa á volta da Nave de Servizos Artísticos (NASA), en Santiago de Compostela. Integrou, como cantante e letrista, bandas de rock como Nicho Varullo, a Banda da Nasa ou a Psicofónica de Conxo, con varios discos editados, e caracterizadas pola mestizaxe e a experimentación musical de vangarda. É autor de dous poemarios, Metalurxia (1996, Edicións Positivas), e Ontoloxía Poética (2020, Meixide Edicións) que recolle a súa creación poética desde 1998, e de textos narrativos como Acantinado (2008, Edicións do Trece) e de diversos espectáculos de poesía portátil como Textículos (2004), Desacordos Ortográficos (2007) ou As Cinzas de Pasolini (2014), no que mestura a poesía co monólogo teatral, xénero que tamén traballou en pezas como Monólogos apostólicos ou A Leira Magnética.
No seu traballo como dramaturgo e director escénico, que desenvolve tanto na Galiza como en Portugal, colaborou com compañías como Chévere, Trigo Limpo Teatro, A Barraca de Lisboa, O GTN da Universidade Nova de Lisboa, Mofa e Befa, Voadora, Volta e Dálle, Baal 17, Producións Excéntricas ou Teatro Onomatopeia, entre outras, sendo autor de mais de trinta pezas estreadas a un lado e outro do Miño, entre elas Au Gaciar (1999, publicado en Cadernos de Teatro ACERT 2022), Ascensão e Queda de Zé Grotewski (2001), Ratman e Bobyn (2001), Abraço de Ferro (2002, publicado por Através Editora, 2011), Sidecar (2003), Mamã Lusitânia (2005), Finlandia (2008), O Vegetal (2011), República de Gundián (2013), Ruína (2014), Dura Lex (2014), Cicatriz ou a mulher que foi mordida por um leão (2015), Tráfico (2016, publicado por ERREGUETÉ Nº 99 2020), Cranios Privilexiados (2017), Falar por Falar (2018), Ensaio sobre a Blasfemia (2020) ou De volta sem Magalhães (2020). Tamén está ligado ao Laboratorio de Experimentación Dramatúrxica “Flavia Antónia”, de onde naceran pezas como Acto de Hixiene (2017), Manifesto das poetas suicidas (2018) ou À mesa! (2019), xunto con Zé Paredes e Clara Gayo.
Obras destacadas
- Metalurxia (1996, Edicións Positivas).
- Ascensão e Queda de Zé Grotewski (2001, producida por GTN da Universidade Nova de Lisboa Lisboa, Portugal).
- Acantinado (2008, Edicións do Trece).
- Finlandia (2008, producida por Teatro Biodegradável de Ohio Santiago DC).
- Ruína (2008, producida por Baal17 Serpa, Portugal).
- Ensaio sobre a Blasfemia (2020, producida por Unitaria Escena, Santiago DC).
- Ontoloxía Poética (1998-2019) (2021, Meixide Edicións).
Fotografía: cedida por Carlos Santiago
Máis información: Wikipedia