Saltar ao contido

Dédalus en Compostela

    Autor: Vicente Risco

    Ano: 1929, Editorial Nós

    Cita:

    “O caso foi coma vou referir: saín eu dunha tenda de ultramarinos da Azabachería, toda chea de latas ordenadas coma os libros dunha biblioteca. A semellanza non está soamente na ordenación en alzadeiros: está máis aínda en que as latas coas súas etiquetas e rótulos e co que levan dentro, teñen algo de libros de Historia Natural, onde a Natureza está tan morta coma nas latas e nos cadros de moitos pintores, tanto dos que pintan naturezas mortas, coma dos que pintan naturezas vivas que saen mortas. Dei a volta pola Praza do Pan, onde Cervantes, seccionado e estilista, está no medio da fonte, obxecto de arte propio para premio de Certame Literario, se non fora o custe do carreto, e tomei polo Preguntoiro, e despois dunha pousa no 32, tenda de óptica, baixei pola Calderería, e logo por Tras de Salomé á Rúa Nova. Pasei o Pórtico de Salomé, sacando o chapeu ao pasar diante da porta, e na libraría do lado estaba Stephen.
    Hora e media andamos en amor e compaña por baixo dos arcos da Rúa Nova, daquela desertos e doados para que o espírito camiñe máis do que camiñan os pés, para deixalo voar coma un papaventos, sempre un tendo man da corda, sen frear de máis.”

    Máis información: Fundación Vicente Risco