Autor: Paco Macías
Pídenme que escriba un texto sobre a miña experiencia como editor en Santiago de Compostela. Acepto. Así que alá imos!
O primeiro que debo facer, ou iso creo eu, é explicar que é un editor. Buf! Non é fácil. Un editor é quen edita. Si, xa sei que pouco dixen. Irei ampliando a definición. E digo agora que editor é quen separa a palla do trigo, para despois quedar co trigo. Pero lembremos que hai outros mundos, alén do libro, que tamén teñen o oficio de editor, tal como a prensa diversa. Agora tamén se acolleu ao paraugas da palabra editor iso de que é un “Programa informático que permite abrir e modificar arquivos, editar textos e gráficos”, segundo a RAG. Vista a variedade de significados e de mundos aos que afecta esta profesión, aquí imos quedar exclusivamente no mundo do libro. Pero saibamos que este oficio o comparte o libro con outros moitos mundos. Eu vou falar só da miña experiencia, pois da doutros non sei falar nin debo. Tentarei mostrar como separo a palla do trigo.
Levo 33 anos de editor. E creo que despois destes anos xa me vou coñecendo a min mesmo e tamén este mundo do libro en Galicia, e en Santiago. Comecei sen ningunha experiencia que non fose a de lector. Inicieime neste sector alá polos finais dos anos 80 do século pasado. Aproveito este momento para lembrar que ese tempo de finais dos 80 e comezos 90 do século pasado foi tempo de nacemento de moitos proxectos en Santiago. Uns xa feneceron e outros seguen vivos. Nese fervedoiro de iniciativas naceu Edicións Positivas. Supoño que o contexto ilusionante que vivíamos daquela axudou ao noso nacemento, e pode que mesmo fose ese o motivo para lle poñer o nome de Positivas a unha editora. Era época de utopías. “Se falamos do imposible, eu vería de intentalo”, é unha frase de Fran Pérez que alguén incluíu nunha camisola que de cando en vez vexo por Santiago. E hoxe gozamos, en Santiago e en Galicia, e tamén no universo mundo, moitos deses imposibles que se intentaron nesa época, e se realizaron.
Dicía antes que despois de 33 anos xa me vou coñecendo, e repítoo para explicar por que Positivas segue a ser case unipersoal. Nunca medrou esta editora, e foi así quizais por diversos motivos. O primeiro, e non sei se o máis importante, pode que sexa a vontade de quen isto escribe de ser pequeno, ou quizais a incapacidade de ser doutra maneira. O segundo sería a necesidade de ser pequeno para ser libre, para poder arriscar, ou poder facelo, aínda que sei que non é imprescindible este tamaño para arriscar, porque outros xa me levaron a contraria, e atinaron. O terceiro dos motivos pode ser a busca dunha “liña editorial” algo afastada do mundo do ensino ou institucional, o que obriga a non “ceder” a criterios alleos á propia liña ou á busca de argumentos exclusivamente económicos malia que o libro a publicar non entre na liña editorial; non hai un só título publicado en Positivas que non obedeza aos criterios de calidade propios, e non a outros intereses. O cuarto pode ser a deficiente rede de distribución e venda do libro galego, o que impide maiores tiradas, maiores vendas; o libro galego está a ser enviado a un curruncho empurrado polas novidades en castelán e pola promoción que teñen os libros nesta lingua e que non a teñen os publicados en galego; esta eiva é un impedimento máis para crear empresas sólidas entre as editoras de libro en galego, obrigadas a ser pequenas.
Todo isto xunto metido nunha turmix sae a nosa realidade, o que somos hoxe. Din os grandes camiñantes que os inicios das rutas hai que comezalos coma un vello para chegar coma un neno. Queiras ser grande ou pequeno é sempre necesario comezar pausado, sobre todo para poder asumir o que aprendes, ou para poder mudar o que previches incorrectamente. Os anos fan que vaias asumindo en ti o que te convén, que aceptes só aquilo que podes realizar, que te vaias adaptando á realidade, que non medres máis do que podes facer, nin queiras facer máis do que es capaz, que mudes os teus criterios literarios… porque esa turmix está á túa espera para facer de ti o que lle saibas poñer. O que saia disto será a editora. E tamén un mesmo, quizais.
Positivas naceu para aportar optimismo, creatividade, ilusión, innovación. Lois Pereiro, Ronseltz ou Roberto Vidal Bolaño din que son as apostas que poden definir a necesidade de Positivas entre o mundo editorial galego. Non seremos nós quen leve a contrario aos que tal opinan, aínda que deixen que afirmemos que tal afirmación ten un aquel de inxustiza excluíndo outros moitos títulos. Mais unha editora, e quizais tamén todos nós, somos tamén o que non fomos quen de facer, as ilusións que non realizamos. Pero mentres haxa vida hai ilusión, e unha das nosas é a de relacionarnos co mundo portugués, volver á Gallaecia que dalgunha maneira seguimos sendo, malia as fronteiras de todo tipo que nos afastan. Seguimos coas necesarias utopías.
Hoxe é moito máis fácil publicar que nunca. Pero quizais tamén sexa máis difícil distribuír, vender. Os puntos de venda van diminuíndo. As librarías de fondo case desapareceron. Pero apareceu unha nova, que é a propia web de cada editora, que permite, coas novas formas de impresión, dispor sempre do fondo para os lectores. Son estes novos tempos que ofrecen ferramentas que facilitan o traballo, e hai que estar atentos e collelas. É evidente que o optimismo sempre facilitará o traballo, é a mellor das ferramentas.
Non sei se o final do libro tal e como o coñecemos é próximo ou non. Non me importa, mentres se sigan publicando historias, facendo versos e compartindo os propios coñecementos cos demais, sexa coa forma que sexa. Pero creo que o editor non desaparecerá, que se adaptará aos novos tempos, ás modernas formas de distribución da literatura, do coñecemento, sempre que sexa unha figura que axude ao escritor e ao lector, e que teña algo de confesor e non de publicista de el mesmo, nin defensor dos seus intereses.
O futuro é incerto? Pois aí se abre unha posibilidade de refacelo todo mellor. Porque o descoñecido é unha fantástica oportunidade para a poesía, verdadeira alma da literatura.