Presentamos dúas actividades tipo escape city de descubrimento a través de pistas, que nos convidan a coñecer a relación das nosas rúas coa literatura. Ambas as actividades contan con versión física e dixital.
Escape city físico – Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño
Esta é unha actividade de descubrimento que se realiza in situ pola zona vella de Compostela. Trátase dun xogo de pistas, que parte dunha premisa inicial que debemos solucionar, desta forma, as persoas que participen descubrirán de forma amena a figura de Roberto Vidal Bolaño á par que percorren as rúas da cidade baixo unha nova visión.
Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño
PDF descargable con instrucións e materiais precisos para seguir esta aventura de pistas e investigación polas rúas da cidade.
Pistas e respostas
Escape city virtual – Unha viaxe atrás no tempo con Roberto Vidal Bolaño
Benvidos e benvidas a esta actividade na que vos converteredes en detectives, viaxaredes ao pasado e vos enfrontaredes a un auténtico reto, que debedes superar para poder volver ao presente. Isto só o conseguiredes a través do voso coñecemento, atentas!
Onte atopei este fragmento dunha obra que pon o seguinte:
“No Casino. Un salón enxaezado de ouros rancios e esfiachados veludos. Un fumo sen oropeis debuxa no aire o sorriso dunha morte ao asexo.”
Sei que é un fragmento dunha obra escrita por Roberto Vidal Bolaño pero non atopo máis datos e gustaríame que me botarades unha man para descubrir o seu título. A idea que se me ocorre é que utilicemos o túnel do tempo e viaxemos ao pasado para preguntarlle, apetécevos? Antes de emprender esa viaxe, deberedes prepararvos. O primeiro paso dun ou dunha boa detective é investigar ao suxeito que lle interesa e que, neste caso, será quen vos dará pistas para despois poidades voltar á actualidade. Estades preparadas e preparados? É o momento de comezar!
O primeiro que debedes facer é investigar os datos máis relevantes da vida de Roberto Vidal Bolaño. Aínda non sabedes quen é? Bulide a coñecelo!
Para facilitarvos a busca de información, déixovos aquí algunhas webs que poden axudarvos no proceso:
- Compostela Literaria
- Roberto Vidal Bolaño
- Real Academia Galega
- O legado de Roberto Vidal Bolaño
- A obra de Roberto Vidal Bolaño
Tamén vos convido a acudir á biblioteca máis próxima e buscar información nalgúns dos seguintes libros:
- Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual (Xerais, 2013).
- Un chapeu negro e un nariz de pallaso; Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso (Galaxia, 2013).
- Roberto Vidal Bolaño : unha vida para o teatro de Laura Tato (Toxosoutos, 2013).
- A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro (Laiovento, 2011).
Xa recollestes toda a información? Estades preparadas e preparados para viaxar no tempo? Imos alá!
Escape city físico – Un paseo pola Compostela literaria
Coa finalidade de descubrir algunhas das figuras da literatura compostelá xorde este xogo de pistas para para realizar in situ pola zona vella de Compostela. A actividade parte dunha premisa inicial que debemos solucionar, desta forma, as persoas que participen irán descubrindo unha nova maneira de ler a cidade, baixo a óptica de diferentes escritoras e os seus vínculos coa cidade.
Un paseo pola Compostela literaria
PDF descargable con instrucións e materiais precisos para seguir esta aventura de pistas e investigación polas rúas da cidade.
Pistas e respostas
Escape city virtual – Un paseo pola Compostela literaria
Benvidos e benvidas a esta aventura na que percorreredes Compostela de forma virtual e teredes que investigar sobre a pegada literaria que hai na cidade. Segundo vaiades avanzando no xogo, iredes conseguindo os díxitos para abrir unha caixa forte blindada, que conterá no seu interior? É o momento de comezar e conseguir abrir a caixa forte! Adiante!
O primeiro que vos propoñemos é investigar sobre as personaxes que vos acompañarán ao longo do percorrido. Quen son? Concha Castroviejo, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Eduarda Pondal e Xohana Torres. Bulide a coñecelas!
Xa recollestes información? Estades preparadas e preparados para comezar? Imos alá!