Autor: Daniel Asorey
Ano: 2016, Editorial Galaxia
Cita:
“A vedora maior da República observa o perfil crepuscular da cidade dende a proa do bergantín. As torres desiguais de Compostela érguense fronte ás velas inchadas da embarcación e ao rostro queimado da muller, que se ilumina con algo semellante á esperanza. O mar de Belvís anuncia a chegada á casa dende tan afastadas terras ultramarinas. Carme de Candingas está convencida de que a volta non pode supoñer senón o anuncio de tempos novos para todo o que ela vén de observar alén do mar, nos territorios onde comercian as naves da República e da Compañía Galega de Indias. As velas calan, cansas quizais de tantas trasfegas, mentres, diante deles, do outro lado da baía, van pasando as mansións dos burgueses que se erguen contra as canles. Esas veas e arterias de auga salobre ascenden, impulsadas por muíños, dende o Obradoiro, onde descansa o poder, o corazón e a gloria de Galiza, atas as dunas feras da Bocarría e o esteiro do Sar. Fronte a eles, no palacio da Xunta Xeral, ondean as bandeiras brancas da Santa Irmandade, que agora, dende a altura, reciben o navío.”
Máis información: Editorial Galaxia