Autoría: Xabier Paz
Ano: 2022, Editorial Galaxia
Cita:
“O mar, a nosa estrema cara a occidente, defensa e porta. Desde había anos as nosas costas foran asediadas por piratas árabes e normandos, cada ano anovábase a ameaza sobre as terras de Compostela. Dicía a Crónica Compostelá: «Por eses mesmos tempos os sarracenos hispalenses, saltenses, castelenses, silvenses e demais, que habitan nas costas desde Sevilla até Coimbra, tiñan costume de construír grandes naves e, embarcados na flota con xente armada, devastaban e despoboaban as costas marítimas desde Coimbra até os Pireneos, a saber: Portucal, Morrazo, Salnés, Postmarcos, Entines, Nemancos, Soneira, Seaia, Bergantiños, Nendos, Pruzos, Bezoucos, Trasancos, Viveiro, Ourias, Navia e demais pobos de Asturias coa terra de Santillana. Mormente asolaban a costa próxima ao territorio de Santiago, dirixían as súas incursións ás illas achegadas, a saber: Flamia, Ons, Sálvora, Arousa, Quebra ou Monte Louro, fixaban alí o seu asento e reparaban as súas naves dos traballos da viaxe».”
Máis información: Editorial Galaxia
