A seguir ofrecemos unha serie de recursos lúdicos relacionados co mundo da literatura e, no posible, con Compostela. Pensados para xogar, e para aprender xogando, ordénanse por tipoloxía e por nivel de dificultade. Aínda que parte das actividades foron construídas tendo en conta os currículos do ensino medio, construíronse pensando na diversión de todos os públicos.
Que vas encontrar aquí?
Xogos interactivos
Quen é a/o intrusa/o? Xogo para detectar que persoa está “fóra de lugar”.Adiviña a persoa . Mediante unha serie de preguntas temos que exercer de detectives e adiviñar de quen se fala.Canto sabes sobre poesía galega? Pon á proba os teus coñecementos de poesía e vai descubrindo a imaxe.Atopa o erro en cada caso . Xogo de atención plena: onde está o erro? Na cita ou na imaxe?
Escape city
Presentamos unha actividade de descubrimento a través dunha serie de pistas, que nos convidan a coñecer a relación das nosas rúas coa literatura, concretamente ao redor da figura de Roberto Vidal Bolaño, un dos nosos emblemáticos escritores composteláns, homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2013.
Para isto ofrecemos dous xogos:
- Un
escape city en versión física (Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño), onde atoparás un PDF descargable con instrucións e materiais precisos para seguir esta aventura de pistas e investigación polas rúas da cidade. - Un
escape city en versión virtual (Unha viaxe atrás no tempo con Roberto Vidal Bolaño) que nos convida a coñecer a vida deste dramaturgo compostelán a través dunha pequena investigación e un xogo virtual.
Itinerarios virtuais
A Xeración do 27 e Compostela . Itinerario que ofrece un pequeno conxunto de dez pistas para introducírmonos na relación entre a Xeración do 27 e Compostela, coa intención de que incite a investigar para obter un maior coñecemento de ambas.- Compostela e a
s vangardas na literatura galega . Neste breve percorrido ofrecemos sete pistas para coñecer mellor a relación entre algúns protagonistas das vangardas e Compostela na historia da literatura galega.
Planifica o teu percorrido
PDF imprimible con recomendacións para que grupos ou centros escolares poidan planificar percorridos polos lugares literarios presentes no Mapa Literario. Seguindo as suxestións, poderán atopar unha nova maneira de “ler” a cidade.
Escape city físico – Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño
Escape city físico – Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño
Esta é unha actividade de descubrimento que se realiza in situ pola zona vella de Compostela. Trátase dun xogo de pistas, que parte dunha premisa inicial que debemos solucionar, desta forma, as persoas que participen descubrirán de forma amena a figura de Roberto Vidal Bolaño á par que percorren as rúas da cidade baixo unha nova visión.
Camiñar as rúas da zona vella da man de Roberto Vidal Bolaño
PDF descargable con instrucións e materiais precisos para seguir esta aventura de pistas e investigación polas rúas da cidade.
Pistas e respostas
[Ver en pantalla completa]
Escape city virtual – Unha viaxe atrás no tempo con Roberto Vidal Bolaño
Benvidos e benvidas a esta actividade na que vos converteredes en detectives, viaxaredes ao pasado e vos enfrontaredes a un auténtico reto, que debedes superar para poder volver ao presente. Isto só o conseguiredes a través do voso coñecemento, atentas!
Onte atopei este fragmento dunha obra que pon o seguinte:
“No Casino. Un salón enxaezado de ouros rancios e esfiachados veludos. Un fumo sen oropeis debuxa no aire o sorriso dunha morte ao asexo.”
Sei que é un fragmento dunha obra escrita por Roberto Vidal Bolaño pero non atopo máis datos e gustaríame que me botarades unha man para descubrir o seu título. A idea que se me ocorre é que utilicemos o túnel do tempo e viaxemos ao pasado para preguntarlle, apetécevos? Antes de emprender esa viaxe, deberedes prepararvos. O primeiro paso dun ou dunha boa detective é investigar ao suxeito que lle interesa e que, neste caso, será quen vos dará pistas para despois poidades voltar á actualidade. Estades preparadas e preparados? É o momento de comezar!
O primeiro que debedes facer é investigar os datos máis relevantes da vida de Roberto Vidal Bolaño. Aínda non sabedes quen é? Bulide a coñecelo!
Para facilitarvos a busca de información, déixovos aquí algunhas webs que poden axudarvos no proceso:
- Compostela Literaria
- Roberto Vidal Bolaño
- Real Academia Galega
- O legado de Roberto Vidal Bolaño
- A obra de Roberto Vidal Bolaño
Tamén vos convido a acudir á biblioteca máis próxima e buscar información nalgúns dos seguintes libros:
- Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro de Roberto Pascual (Xerais, 2013).
- Un chapeu negro e un nariz de pallaso; Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso (Galaxia, 2013).
- Roberto Vidal Bolaño : unha vida para o teatro de Laura Tato (Toxosoutos, 2013).
- A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño de Xosé Manuel Fernández Castro (Laiovento, 2011).
Xa recollestes toda a información? Estades preparadas e preparados para viaxar no tempo? Imos alá!
Recomendacións para realizar un percorrido
Elaboramos un documento con recomendacións para que grupos ou centros de ensino poidan planificar e realizar percorridos polos espazos literarios que se mostran no Mapa literario. Seguindo as suxestións, poderán encontrar un novo xeito de “ler” a cidade e descubrir os seus rumbos secretos.