Autor: Pedro Feijoo
Ano: 2013, Edicións Xerais
Cita:
“Entrei na inmensa sala de lectura. Malia a penumbra que a envolvía, os reflexos das luces de seguridade nas paredes falaban do seu tamaño. Protexida das humidades que aínda se facían fortes en boa parte do Pazo de Raxoi, a biblioteca do Consello da Cultura Galega era un espazo enorme. Ou polo menos así mo pareceu a min… Situada ao fondo do corredor, no último piso da ala norte do pazo, era en realidade un deses salóns xigantescos, o teito aló enriba, localizable só pola tenue iluminación dunhas curiosas formas semicirculares de neon azul. Até onde se podía ver, as paredes intuíanse ateigadas de libros, e os seus andeis dividíanse en dúas alturas, coma se de dous pisos se tratar, marcada a fronteira entre un nivel e outro por un balcón interior que rodeaba toda a biblioteca polo piso superior, e que a deitaba sobre unha enorme mesa circular no piso inferior.”
Máis información: Edicións Xerais