CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
Sobre Compostela Literaria
Compostela Literaria, iniciativa da área de Acción Cultural do Concello de Santiago, ofrece unha visión panorámica da relación entre a nosa cidade e a literatura. Artellada ao estilo dunha guía, a web compostelaliteraria.gal comprende tanto un mapa literario como unha mostra de obras, autoras e autores de marcada compostelanía, sexa esta nativa ou adoptiva, sexa por relevancia ou por intensidade. Complétase esta proposta cunha serie de recursos lúdicos e con diversos artigos escritos por persoas relacionadas co mundo da literatura. Inclúese ademais a sección participativa Microficcións, á que calquera pode enviar as súas propias creacións.
Como fogar, inspiración, protagonista, escenario ou simple escusa, a paisaxe compostelá vincúlase intensamente á creación literaria, e faino desde múltiples perspectivas, ofrecéndonos ademais un variado e enriquecedor abano de visións e interpretacións do mundo e da vida.
Tanto é así, que é imposíbel recluír nun único mapa todas as obras vinculadas á nosa cidade. Deberíamos comezar talvez co bispo Pedro de Mezonzo, de quen se di que escribiu o famoso “Salve Regina”, e non teríamos descanso, sendo que ese vínculo Compostela – literatura é un proceso constante, aberto e moi frutífero. Baste citar algúns nomes, como Rosalía de Castro, Arturo Cuadrado, Concha Castroviejo e Xoana Torres, ou outros máis actuais, como Suso de Toro, Berta Dávila, Daniel Asorey, Marga Tojo e Patricia Janeiro. E non sería inxusto esquecer contribucións como as de Lorca, Pardo Bazán ou Valle Inclán? A nómina é ben extensa.
Así, o obxectivo principal da Compostela Literaria debe ser fornecer pistas e suxestións para coñecer esa prolífica relación da nosa cidade coa letra impresa. O mapa recolle, por exemplo, só algunhas persoas e obras destacadas extraídas dun longo inventario, nun proceso aberto e en constante mutación.
Animámosvos a (re)ler connosco Compostela, e que viva a liberdade de lectura!
Outras iniciativas do ámbito literario impulsadas polo Concello de Santiago de Compostela:
Recursos
Nesta páxina recompílanse os recursos pedagóxicos e lúdicos relacionados coa Compostela Literaria. A maior parte das actividades están enfocadas cara ao aproveitamento escolar, aínda que poden resultar de interese para o público xeral non especializado..
Mapa literario
Mapa no que se xeolocaliza unha escolma de citas de obras e autoras e autores, para alén doutros espazos relacionados co mundo da literatura: librarías, editoras, bibliotecas e fundacións.
compostela (d)escrita
Microficcións
Queres enviarnos a túa propia creación? Anímate a envirnos unha microficción! Que de que vai iso? Vai a Microficcións.